Teito de madeira para humanizar un centro comercial
Vialia escolleu o Roble Denver para incorporar o carácter cálido do acabado en madeira na renovación do seu centro comercial de Málaga.
O estudo internacional de arquitectura Broadway Malyan encargouse da renovación do centro comercial da estación do AVE de Málaga, unha das máis transitadas de España. A autoría do proxecto e a obra correron a cargo do estudo internacional de arquitectura Broadway Malyan España, liderado polo arquitecto Jorge Ponce Dawson, que converteu o lugar nun centro comercial do século XXI.
Broadway Malyan explícanos que, igual que en todos os centros comerciais, priman as circulacións claras e búscase darlles a máxima visibilidade aos establecementos e evitar recunchos. Para iso en Málaga baseáronse no emprego do branco monocromo, a madeira e o deseño de iluminación. «A iluminación das zonas comúns debe ser atractiva, moderna e estar integrada na arquitectura, como neste caso, no que o deseño arquitectónico e luminoso se pensaron de maneira conxunta», apuntan.
Un espazo contemporáneo e fresco no que un dos puntos de atención se fixa no novo teito. As lamas de madeira fabricadas con Fimaplast Ignífugo de Finsa cobren o interior dos seus 4800 metros cadrados de superficie. «As lamas son un recurso tanto funcional como estético. Permiten crear un falso teito aberto de maneira que as instalacións queden ocultas nun plano superior, con fondo negro, outorgando unha continuidade estética que amplía o espazo e fai que se perciba de maneira máis limpa». Entre elas intégranse as luminarias lineais que fan que se potencie o seu plano inferior.
As lamas presentan un acabado en melamina deseño Roble Denver da nosa gama Duo, o que supón unha redución dos custos. Ademais, debido á altura á que están situadas, teñen aparencia de madeira natural. A madeira esténdese tamén ás columnas e ao chan laminado, o que desperta nas visitas a sensación cálida que asociamos a un fogar.
Unha entrada en madeira atractiva dá a benvida a Vialia Málaga, que recolle 100 tendas e 10 salas de cinema. Xa no interior, a intervención centrouse nos puntos estratéxicos do centro mediante a reforma da área de restauración segundo o concepto de praza aberta ou «food court». Na mesma liña de creación de zonas máis abertas para facer máis agradable a visita, renováronse a xardinería e as zonas de xogos para os máis pequenos. Os usuarios valoran positivamente este cambio de imaxe e a modernización evidente, que aumenta a comodidade e mellora o servizo.
Cunha ampla experiencia na renovación de centros comerciais, entre os que destacan o FAN Mallorca, o centro comercial máis grande das Baleares, en Broadway Malyan enmarcan este proxecto na tendencia de reformar os centros comerciais próximos a núcleos de transporte. «Os centros comerciais teñen que ser máis que lugares aos que ir de compras», explica Jorge Ponce, director de Broadway Malyan Madrid, e os nós de transporte deben ir un paso máis alá na súa definición. O resultado ten que ser «unha mestura das dúas propostas nun mesmo espazo, un destino en si mesmo por varios motivos que reúna a mellor oferta de venda polo miúdo, restauración e lecer».