Taboleiro industrial para unha panadería artesá

O gris suave do noso taboleiro únese á madeira para crear un interior cálido como os produtos da panadería pontevedresa XEVE Artesano.

17-11-2020 Fuente: Finsa - Autor: Finsa

Un pan coma o de Xeve Artesano necesitaba unha panadería que estivese á altura. Para darlle a este produto o valor que merece, os propietarios contaron con Peza Estudio, que soubo converter o pan en protagonista nun ambiente contemporáneo e funcional. Dalia Pena, deseñadora de interiores e fundadora do estudo Peza, decidiu utilizar o potencial visual do pan para marcar a relación entre o espazo e o consumidor.

O programa de necesidades esixiulle ao proxecto a máxima funcionalidade. O local, de apenas 15 m2, conta con despacho de pan e bolería, zona de corte e pesado do produto, almacenaxe, unha área de café para levar e autoservizo de bebidas. Resolveuse deseñando unha zona para a exposición vertical do produto, outra de exposición en horizontal e outra de autoservizo.

Pode que o que máis chame a atención sexa o sistema de barras cilíndricas de madeira de castiñeiro empregado na exposición vertical.  Sitúanse na parede, coa separación adecuada que permite soster o pan, e compleméntanse con baldas móbiles de madeira que outorgan un soporte de maior apoio onde se necesita. Para a exposición horizontal, deseñouse un mostrador en L que marca o ancho completo do escaparate e corta o espazo a nivel lonxitudinal. O expositor de cristal a unha soa altura fai que o produto sexa visible desde arriba e desde a parte frontal, polo que se logra unha visión total sen necesidade de movementos, o que mellora a fluidez á hora de escoller o produto. Segundo a deseñadora Dalia Pena, os elementos fundamentais do proxecto son este sistema de exposición livián e versátil, acompañado dun deseño de iluminación que unifica e potencia o carácter cálido do pan.

Os materiais básicos do proxecto foron a madeira, o cristal e o Fimaplast Hidrófugo de Finsa con acabado Soft III «pola súa facilidade para mecanizar e a súa estabilidade», indica Dalia. Vémolo tanto nas paredes como no mostrador. O mostrador recubriuse con gres porcelánico e para as paredes escolleuse o Gris Suave da gama Duo debido á perfecta combinación co resto de materiais. «Buscouse unha harmonía cromática para que así destaquen os distintos tonos do pan, que van desde o máis tenue e palloso ata o dourado máis intenso, chegando a gamas de marróns escuros». Non é a primeira vez que PEZA recorre a Finsa, empresa da que destaca que «ofrece solucións técnicas para cada proxecto, infinidade de acabados e, sobre todo, unha atención moi próxima».

PEZA Estudio defínese como creador de interiores conscientes. Para iso, o primeiro é conectar co cliente e coñecer as necesidades do seu proxecto. «Esa conexión vai xerar un diálogo directo e debe concluír cun proxecto adaptado en todas as súas formas», explica Dalia. Durante o proceso de deseño, en PEZA fomentan o coñecemento dos materiais e elementos que integrarán o deseño, o seu ciclo de vida, o seu carácter duradeiro e os seus beneficios. Con todo este proceso, «conseguimos tomar boas decisións en aspectos de deseño, benestar e economía», sinala. A boa acollida que mostraron os clientes e as felicitacións recibidas danlle a razón.