Chan Finfloor para un ximnasio L’Orange Bleue
A súa resistencia adáptase a todo tipo de instalacións e dálle continuidade a este ximnasio reformado no centro de Valencia.
Chan Finfloor para un ximnasio L'Orange Bleue
O ano pasado, L’Orange Bleue, a cadea de ximnasios de baixo custo líder en Francia, decidiu iniciar a súa expansión en España. Tras abrir dous ximnasios en Barcelona, escolleu Valencia para o terceiro. MDF Construcción foi a empresa escollida para a reforma dun local céntrico de 800 m2. En colaboración co estudo Selfa Arquitectura, executaron un proxecto que seguía as premisas da franquía: funcionalidade, durabilidade e prezos accesibles.
Buscábase un espazo diáfano que crease unhas estancias agradables, que convidase o usuario a quedarse e a volver. O resultado foron unha serie de salas a dobre altura con grandes zonas acristaladas na fachada para dar protagonismo ás zonas de adestramento, que funcionan a modo de escaparate ao atraer as miradas dos transeúntes. Por suposto, cunha presenza marcada das cores corporativas azul e laranxa.
Debido ao tipo de negocio que é, que precisa moito espazo, destacaban a durabilidade e o mantemento das instalacións, que debía reducirse ao mínimo. Para iso apóstase por materiais resistentes con bos acabados, como gres porcelánico nas zonas húmidas de baños e vestiarios, pavimento de caucho na zona de pesas e bicicleta e chan laminado Finfloor Original.
Na zona de recepción, as zonas de paso e as salas de actividades e exercicios cardiovasculares, instalouse chan laminado Finfloor Original Roble Retro. «Precísase un material resistente e duradeiro debido ao tránsito. Ademais, ao tratarse dunha franquía de ximnasios de baixo custo, buscabamos un material cunha boa relación calidade-prezo que non requirise mantemento», sinala Maite Torres Machí, xerente de MDF Construcción en Valencia, que tamén valora a maneira na que o acabado natural lle outorga un carácter cálido ao espazo.
MDF Construción leva moitos anos empregando produtos de Finsa nos seus traballos: chans laminados, melaminas, taboleiros... Entre as súas vantaxes, Maite Torres sinala que «a dispoñibilidade do material é case inmediata, non require prazos de subministro longos e conta cunha gran variedade de acabados». Ademais, destaca o traballo de Enrique Galán, membro do equipo de Consultoría Técnica en Valencia, que se encarga de mantelos informados das novidades, responder as súas dúbidas e aconsellar sobre a mellor maneira de empregar cada produto.
A reacción do cliente ao ximnasio novo foi moi positiva e inspirou a cadea a confiar en MDF Construcción para a reforma das instalacións novas que se abrirán proximamente no Levante. Para elas, tamén se solicitou o emprego de Finfloor, do que destacan que é un material que, polo seu acabado, non precisa unha limpeza exhaustiva e facilita o mantemento das instalacións.