A confianza da madeira para unha herboristería con décadas de historia
O revestimento en lamas con acabado Roble Hércules foi a aposta de Requena y Plaza para facer que os visitantes de Herbolario Azahara se sentisen coma na casa.
Potenciar as expectativas e intereses dos posibles consumidores a través de elementos estéticos. Sobre esta base traballaron no estudo de arquitectura Requena y Plaza o proxecto de deseño de interiores para Herbolario Azahara a partir do concepto «natural» a fin de transmitir orde e serenidade. Para logralo, apostouse pola madeira de xeito que se creou un espazo no que dominan os revestimentos de lamas en acabado Roble Hércules da nosa gama Duo.
«A configuración dun establecemento de venda polo miúdo ten que estar moi ligada aos seus obxectivos comerciais, valores empresariais e expectativas dos potenciais consumidores. A confluencia destes tres elementos conséguese cando se traballa cóbado con cóbado co cliente, como no caso de Herbolario Azahara, que sabe o que quere, pero que tamén se deixa aconsellar», afirma Juan Luis Requena, socio fundador de Requena y Plaza.
En coherencia coas tres décadas de historia que ten a marca Herbolario Azahara, Requena y Plaza quixo outorgarlle ao espazo un ambiente de confianza e familiaridade co obxectivo de que os visitantes se sintan coma na casa. Deseñouse un espazo completamente aberto cunha cuberta a dúas augas que simula un tellado e que se abre ao centro comercial mediante carpinterías transparentes. Este espazo fainos pensar en certos momentos nunha cabana de madeira tradicional.
No interior, a distribución do espazo ponse ao servizo da estratexia comercial. Vémolo nos estantes que rodean todo o perímetro, que aproveitan a altura máxima e cada centímetro cadrado para conseguir unha exposición do produto sorprendente que axude e facilite a busca e identificación das referencias. Isto tamén se aplica no deseño do mostrador, un elemento tradicional e relevante no comercio da venda polo miúdo que está pensado para atraer a atención sobre o resto do ambiente. Construíuse cun material de resina sintética composta que ten entre as súas propiedades a boa resistencia aos golpes e unha alta condución da luz que contrasta co resto de revestimentos de aspecto natural.
O emprego ou a prescrición de produtos de Finsa en proxectos de Requena y Plaza é bastante habitual. De feito, atopámolos en traballos recentes do estudo, como no Hotel Amura de Alcobendas, as oficinas de Aena ou o Hotel Conde Duque en Madrid, entre outros. Neste caso optaron por taboleiro aglomerado ignífugo porque as súas características en canto a peso-manipulación ofrecían rapidez de montaxe e fabricación sen perder de vista as existencias e o seu prezo competitivo, afirman desde Requena y Plaza. Por outro lado, o acabado Roble Hércules da nosa gama Duo contribúe a crear ese ambiente de confianza e tranquilidade asociado á madeira, pero coas vantaxes de mantemento que brinda a melamina.
«Grazas ao traballo de Requena y Plaza, conseguimos ter un dos establecementos máis atractivos do centro comercial. O equipo de profesionais foi excelente e traballar con eles resultou un pracer», conclúe Rosa María Ávila, propietaria da herboristería.