Volvemos ao Madrid Design Festival cun oasis urbano, charlas e talleres creativos
Do 15 de febreiro ao 31 de marzo, estaremos en Fernán Gómez Centro con CONNECTIVE NATURE by FINSA, unha exposición interactiva na que te convidamos a reflexionar sobre a natureza e o noso lugar na sociedade a través de 8 conexións.
O deseño vangardista volve reunirse na capital española grazas ao Madrid Design Festival. Finsa quere participar neste evento mediante a proposta dun oasis urbano que anime a facer unha pausa do ritmo frenético: CONNECTIVE NATURE by FINSA.
Xa sabedes o que nos gustan as conexións en Finsa: coa cadea da madeira, coas persoas e, por suposto, coa natureza, que é de onde parte a nosa esencia como empresa. En CONNECTIVE NATURE by FINSA, queremos reactivar esas conexións por medio dunha instalación sensorial e interactiva que consta de oito etapas secuenciais. O estudo da arquitecta Izaskun Chinchilla, recoñecida pola súa defensa dun organismo inclusivo, encargouse de crear con Finsa o seguinte percorrido:
Interacción 1: #listentoabirdfinsa
Escoitar o canto dos paxaros cinco minutos ao día axuda a combater a falta de luz, que deriva en trastornos emocionais. Seguindo esta recomendación da asociación ecoloxista National Trust, creamos unha cadeira cun respaldo especial que configura un pequeno niño no que sentir este son indispensable.
Interacción 2: #createbeautyfinsa
Crea algo fermoso e compárteo. Esa é a esencia desta segunda interacción, na que se mostra unha especie de estanque con varias formas xeométricas inspiradas no tangram. Animaremos as persoas visitantes a crear imaxes bonitas para xestionar os pensamentos e sentimentos de maneira positiva.
Interacción 3: #swingyourbodyfinsa
Lémbraste da sensación de bambearte? Este exercicio axuda a espertar a creatividade e a calma, o que fai que recuperemos a consciencia do corpo. Animamos a revivilo na terceira etapa do percorrido, na que ofrecemos un bambán para que volvas sentir os beneficios do bambeo.
Interacción 4: #tellmeasecretfinsa
Compartir segredos libera adrenalina e crea unha conexión entre as persoas. Este cuarto escenario presenta un espazo no que inclinarnos e centrar a atención para escoitar unha boa historia.
Interacción 5: #lyeoverthegrassfinsa
Como te sentes cando te deitas na herba? Este contacto directo coa natureza activa as nosas emocións e a percepción de seguridade. Nesta instalación poderás deitarte nun recuncho protexido das inclemencias do clima.
Interacción 6: #readapoemandsmilefinsa
Este espazo da sala presenta unhas cadeiras que xeran unha secuencia de cores florais en degradado. Desde aquí poderase ler un haiku, un breve poema xaponés que trata da natureza. Ao ter que aguzar os sentidos, quen escoite o haiku e as emocións que esperta sorrirá.
Interacción 7: #scanyourbodyfinsa
Convidaremos a sentarse nun sofá composto por elementos inchables que cederán de maneira desigual ante o peso de cada unha das partes do corpo. Desta maneira, propoñemos tomar consciencia da nosa presenza física, algo común nos exercicios de meditación.
Interacción 8: #shareamemoryfinsa
O broche de ouro atópase nun espazo creado para compartir un recordo agradable a través da escritura en xiz sobre unha mesa circular. Estes recordos colectivos son esenciais na cohesión das comunidades.
Toda a experiencia de CONNECTIVE NATURE by FINSA estrutúrase en torno a uns hashtags cos que animamos as persoas que visitan a exposición a compartir as súas opinións nas redes sociais.
Charlas sobre o futuro da construción e talleres creativos en Finsa21
A nosa participación no Madrid Design Festival tamén inclúe a presenza no programa de charlas Madrid Design Pro e a celebración de talleres creativos no noso espazo de innovación en madeira: Finsa21.
Co-developed construction: nesta charla falaremos na maneira na que, mediante a tecnoloxía, se pode traballar de forma máis colaborativa a través do desenvolvemento de produtos e sistemas de construción mellores. Celebrarase o 17 de febreiro.
Integración de iluminación e madeira nos espazos exteriores dos centros comerciais: unha aproximación sobre a maneira na que a iluminación integrada coa madeira se imita nos espazos exteriores. Celebrarase o 23 de febreiro.
En Finsa21, celebraremos os seguintes talleres en formato dixital e físico: o 3 de marzo, unha sesión de cestería a cargo da artesá Idoia Cuesta e o 10 de marzo un taller de moodboard que desenvolveu o noso equipo de deseño.
Vémonos na capital do deseño?