Un restaurante VIPS moi aberto e moi senlleiro

Un restaurante VIPS moi aberto e moi senlleiro

Fuente: Finsa - Autor: Finsa

En 2017, a cadea de restaurantes VIPS decidiu emprender a renovación dos seus restaurantes e a expansión dos seus establecementos por toda España. A famosa cadea de orixe madrileña confiou no estudo Ilmio Design para outorgarlles aos seus restaurantes un carácter acolledor que convide a reunirse e a quedarse.

Hoxe amosámosvos o resultado no VIPS Beatriz, situado no céntrico barrio madrileño de Salamanca. Aplicando a filosofía de deseñar espazos únicos, os italianos Michele Corbani e Andrea Spada, coa axuda do seu equipo, prestaron especial atención a manter a personalidade deste emblemático lugar de encontro da capital desde os anos 80. O deseño de interiores deste local trasládanos aos anos da movida madrileña. Nel combínanse toques dos «dinners» estadounidenses coa psicodelia dos oitenta.

Para Ilmio Design  o reto era enmarcar un proxecto para un local que, como destaca a campaña nova de «VIPS, moi aberto», está aberto da mañá á noite e serve tanto almorzos como ceas. «Nun espazo deste tipo, onde o fluxo de persoas é moi alto ao longo do día, precisabamos un material duradeiro», sinalan en Ilmio Design. Debido a isto e ao estrito control dos gastos do proxecto, recorreron á madeira técnica de Finsa recuberta con deseño en melamina Olmo Ontario da nosa gama Duo: «Grazas á variedade de produtos que nos ofrecía, a melamina Finsa  encaixaba á perfección tanto nos paramentos verticais como nos taboleiros de mesa polo seu deseño contemporáneo e limpo e pola gama cromática da que dispón».

O recubrimento das paredes coa madeira de Finsa e o chan de vinilo en lamas de imitación de nogueira únense para lograr un ambiente cálido e agradable. A isto tamén contribúen os distintos tipos de asentos, pensados para grupos e para fomentar a socialización. Isto combínase cunha atmosfera máis suxerinte que deriva de solucións arquitectónicas rechamantes, como o amplo corredor abovedado forrado en vermello ou a gran sala acristalada coa palmeira de madeira central. A iluminación perimetral para reforzar esta estética combínase cunha iluminación puntual axeitada sobre as mesas.

O restaurante VIPS Beatriz serviu de modelo e guía para a transformación da imaxe de todos os restaurantes da cadea e para as aperturas novas. Supón todo un reto deseñar un concepto válido para tantos restaurantes situados en puntos xeográficos e ambientes moi distintos, desde o centro aos barrios ou centros comerciais das aforas. En todos eles, o estudo confiou na durabilidade e no deseño dos materiais de Finsa.

Ademais, VIPS ten unha imaxe moi marcada nas mentes dos clientes. Por iso, en Ilmio Design  pensaron nunha intervención tendo moi en conta a base da que partían. Un exemplo é o dominio cromático do vermello corporativo asociado á marca, que está presente nos asentos, nos teitos ou en detalles como as lámpadas. Pasados uns meses desde este cambio de imaxe, o traballo só pode describirse como un éxito, fundamentalmente pola boa acollida dos usuarios que gozan do resultado final.