Traballar coma na casa só esixe dous elementos: eucalipto e branco
A chapa de madeira natural de eucalipto axuda a diminuír o estrés nun ambiente de traballo singular: a sede dunha empresa pesqueira
A Elena Gimeno e a Enrique Pereira, arquitectos de Estudio V&BA, gústalles coidar os detalles. Por iso, cando a empresa pesqueira Áncora lles encargou reformar a sede das súas oficinas, estudaron todas as combinacións posibles para lograr un único obxectivo: converter o posto de traballo nun lugar acolledor. Falaron co xerente da empresa e cos traballadores e investiron tempo e esforzo en seleccionar os materiais adecuados para que, quen pase aí a súa xornada laboral, se sinta coma na casa.
A este reto súmanse outros: ao tratarse dun negocio en pleno crecemento internacional e dun sector primario, o espazo tiña que adaptarse a todo tipo de visitas, desde «o máximo xefe de Holanda» ata o pescador que chega directamente do mar. Ningún debía sentirse incómodo ou atafegado por unha decoración demasiado presuntuosa. «Ás veces vense oficinas con moito brillo. Aquí non se buscaba iso, senón un ambiente neutro», explica Gimeno.
Ademais, o andar era irregular e, para engadir outro elemento, unha ollada rápida foi suficiente para converter o chan de mármore existente nun elemento imprescindible arredor do que vertebrar o deseño do resto do proxecto. «Preguntámonos: para que vou retirar este chan, que hoxe en día custa un ollo da cara, se é resistente e está en perfectas condicións?», confesa a arquitecta, nada en Barcelona e asentada en Vigo. Para resolver a ecuación co mellor resultado posible, contou coa colaboración de María Pintos, unha compañeira de profesión coa que xa tiña traballado.
Con incógnitas por despexar e os elementos coñecidos, as dúas arquitectas e o deseñador gráfico puxéronse ao choio ata dar cunha solución equilibrada. O ambiente neutro e a luminosidade da cor branca compleméntanse neste local de traballo co carácter cálido dunha madeira sen moitas vetas e abundante textura.
«Este proxecto en particular era de oficinas e o espazo que tiñan nese momento estaba moi dividido. O obxectivo era aproveitar a sorte que tiñan de dar a dúas fachadas: unha na rúa Príncipe e a outra á parte posterior, onde está a sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e que conta cunha galería impresionante. Queriamos darlle moitísima máis luz, porque ao final é un espazo de traballo e estamos moi mal afeitos a estar todo o día coa luz artificial conectada. Así que se buscou un espazo moi neutro, traballando moitísimo o branco e reducindo os toques de cor á madeira, sobre todo nas zonas máis nobres, como era para min o despacho do xerente e a sala de xuntas", engade a co-creadora do proxecto».
«Gustounos darlle ese punto coa madeira, buscar ese espazo case doméstico e non traballar tanto a oficina con vidro e outros materiais máis fríos. Para nós era case que a palabra clave. Así, por exemplo, xurdiron esas luces directas, case de lectura, para estar cómodo. Un pouco esa era a intención», engade. A elección do eucalipto foi tan natural como a dos chapados de Finsa («ten moi boa reputación e unha gran variedade de produtos e gústanos moito, seguímola bastante porque traballa moi ben e estamos moi contentos, a verdade. Eu, se podo, vou seguir traballando con eles», recoñece Gimeno) e o resultado axústase con milimétrica precisión ao deseñado.
Todo, por suposto, cunha clara intencionalidade revelada nos detalles: «tiñamos un xogo: na zona de traballo, que está aberta, queriamos que fora toda máis branca e, en cambio, no despacho e na sala de xuntas faciamos ao contrario. No canto de poñer o nicho de madeira e as portas brancas, facíase ao revés, o nicho era branco e as portas de madeira. Para darlle esa distinción de que son salas nas que se van reunir coa xente máis importante, cambiabamos e outorgabámoslle á madeira o carácter máis nobre», explica.
A funcionalidade logra neste espazo un protagonismo compartido coa calidez e a orde, xa que a práctica totalidade da sala de xuntas conta cunha porta corrediza de madeira de eucalipto que esconde un espazo de almacenaxe de gran capacidade que ten dous obxectivos, un presente e outro futuro. «Fíxose un moble continuo para aproveitar toda a almacenaxe e para optimizar, por exemplo, os andeis cheos de arquivos. Tentouse que encima das mesas haxa o papel xusto e necesario», sinala a fundadora de B&VA. A longo prazo, esta elección presenta outra vantaxe de igual ou maior pragmatismo: a ampliación do espazo de traballo retirando os paneis de gran tamaño que cobren parte do local.