Sistema Gradpanel de Gradhermetic con ThermoPine de FINSA: celosías de piñeiro termotratado para o control solar

A colaboración entre as dúas empresas deu lugar a unha solución premiada nos Advanced Architecture Awards 2020 de Rebuild por ser “sostible, industrializada, de baixo impacto ambiental e reciclable”

06-10-2020 Fuente: Finsa - Autor: Finsa

A colaboración entre Finsa, fabricante de solucións en madeira, e Gradhermetic, empresa especialista en solucións técnicas e decorativas en protección solar e revestimento de fachadas deu lugar ao sistema Gradpanel con Thermopine de Savia, que ofrece ao sector da construción un sistema de fachada sostible, de baixo impacto ambiental e reciclable, que combina os elementos de aluminio reciclado de segunda fusión coas pezas decorativas de piñeiro termotratado, madeira estable, durable e sen aditivos químicos.

Este sistema é froito dunha estreita colaboración entre ambas as empresas, Finsa e Gradhermetic, unha cooperación que continúa por parte dos equipos técnicos de ambas as dúas compañías, que están ao dispor dos profesionais do sector para apoiar aos arquitectos desde a fase de anteproxecto. Así mesmo, ambas as compañías están a traballar nas familias das distintas aplicacións do sistema en BIM, en desenvolvemento da man de Modelical

As proteccións solares Gradhermetic son elementos arquitectónicos do edificio deseñados para protexelo da radiación solar, asegurando ao mesmo tempo unha iluminación natural do ambiente interno, ademais de conseguir optimizar os recursos enerxéticos reducindo en maior ou menor medida as demandas de electricidade, calefacción e refrixeración. Son a segunda pel do edificio definidas como Fachadas Pasivas, capaces de interactuar coa contorna mediante estratexias bioclimáticas, utilizándose como lamas fixas -garanten unha blindaxe contra os raios do sol só a certas horas do día, debido a que as lamas seguen un ángulo xa definido- ou como lamas orientables, que permiten ao usuario regular o nivel de luz do interior do edificio, aumentando o confort visual e ofrecendo así unha maior eficiencia térmica e visual durante todo o día.

O aforro enerxético é unha necesidade en arquitectura que chegou para quedar como filosofía de vida e de entender a nosa relación cos recursos. Gradpanel permite a protección da forte radiación solar, xerando ventilación natural, e evitando así un gran consumo de enerxía polo uso inapropiado de refrixeración artificial. 

No inverno, a regulación das lamas diminúe o consumo en calefacción, xa que durante o día coa apertura de lamas aumenta a captación de enerxía solar cara ao interior do edificio. Durante a noite, co peche de lamas, axudamos a manter a temperatura interior.

No verán, as lamas oriéntanse de modo que impiden o paso dos raios solares cara ao interior do edificio, o cal permite manter unha agradábel temperatura ambiente, conseguindo un substancial aforro en aire acondicionado. Durante a noite, a apertura de lamas e xanelas permite a circulación de aire, reducindo outra vez as necesidades de aire acondicionado.
 

A materialidade do sistema ofrece un revestimento de madeira de piñeiro termotratado durable de Savia e de mínima pegada de carbono que, sumado á subestrutura de aluminio reciclado de Gradhermetic, posibilita deseñar unha pel para o edificio de baixo impacto ambiental. Damos un salto cualitativo á hora de prover ao edificio dunha pel que reduce as ganancias solares do edificio en zonas excesivamente expostas ao sol. Isto permite aumentar o aforro enerxético do edificio, ao reducir a demanda de enerxía de climatización no verán e no inverno, grazas ás distintas aplicacións do sistema.

 

Sistema premiado nos Advanced Architecture Awards 2020 de Rebuild 

A colaboración entre Finsa e Gradhermetic recibiu o recoñecemento dos Advanced Architecture Awards 2020, galardóns entregados durante o Rebuild, celebrado entre o 29 de setembro e o 1 de outubro no CCIB de Barcelona. O sistema Gradpanel recibiu o Premio Baxi á Innovación de produto, material ou sistema e o xurado valorou que Finsa e Gradhermetic, coas súas celosías de piñeiro termotratado para o control solar, «ofrecen ao sector da construción un sistema de fachada sostible, industrializado, de baixo impacto ambiental e reciclable, favorecendo a descarbonización e circularidade dos materiais».

O sistema Gradpanel está elaborado con piñeiro termotratado e aluminio reciclado de segunda fusión, materiais 100 % reciclables e 100 % circular.  O consumo de produtos derivados da madeira contribúe positivamente ao mantemento e aumento dos bosques grazas aos procesos de silvicultura. Ademais, cada m3 de madeira utilizado como substituto doutro material pode aforrar a emisión á atmosfera dun total de dúas toneladas de CO2. Ademais, é a nosa responsabilidade garantir un desenvolvemento baseado na renovación dos recursos e a protección da contorna. Por iso, fomentamos activamente a utilización de madeira procedente de bosques PEFC, certificación que garante a xestión forestal sostible.

 

A madeira termotratada é unha solución sostible, económica e respectuosa co medio ambiente de madeira para o exterior, debido á non utilización de químicos no seu tratamento, se non a un innovador proceso que lle confire á madeira altas prestacións. O tratamento realízase introducindo o material nunha cámara con atmosfera libre de osíxeno e a altas temperaturas durante varias horas. 

O tratamento térmico produce un menor intercambio de humidade, que fan do ThermoPine unha madeira cunha estabilidade dimensional que mellora ata nun 75 % a madeira sen tratar. Isto provoca un mellor comportamento no exterior, minimizando os movementos das pezas durante a súa vida en servizo. Así mesmo, modifícase a estrutura da madeira orixinando moléculas novas que fan que os fungos non a degraden, facendo do ThermoPine un produto apto para exterior.

O sistema Gradpanel con Thermopine tamén axuda á obtención de créditos para LEED, BREAAM e VERDE, desde un punto de vista de aforro enerxético como sistema e de baixo impacto ambiental polos materiais que o compoñen. Ademais, esta solución achega beleza  e funcionalidade ás fachadas dos edificios, grazas á elegancia dos diferentes sistemas, que transmiten diferentes ambientes dependendo do estado da posición de cada aplicación. A enxeñería na que está baseada cada aplicación convértena na solución perfecta, achegando ás persoas que viven nos edificios unha maior calidade de vida.