Oficinas IHP
O grupo IHP, especializado en produtos hoteleiros, confiou no seu propio equipo para a reforma das súas oficinas madrileñas.
O grupo IHP converteuse en referencia nacional e internacional no deseño integral de proxectos hoteleiros. Despois de facer máis de 160 hoteis en todo o mundo, entre eles o Novotel Madrid Center do que xa vos temos falado, este ano chegoulle a quenda á súa sede madrileña. Para a renovación das oficinas que viron nacer a empresa, IHP confiou no seu propio equipo polivalente de arquitectos, enxeñeiros e deseñadores de interiores.
Carla Gomes, deseñadora de interiores en IHP, confesa que non é doado deseñar desde dentro e tomar decisións relativas ao espazo no que van traballar a persoa en cuestión e os seus compañeiros. A premisa de partida era «crear un deseño atemporal» e, á hora de reflectilo, buscouse «garantir que o proxecto que se ía desenvolver fose o adecuado desde o punto de vista estético, construtivo, funcional e económico».
O espazo da oficina estrutúrase nunha grande área aberta que segue a tendencia dos «open spaces» ou espazos abertos e que está rodeada de salas de reunións. Para outorgarlles a privacidade necesaria pero sen perder a conexión visual co resto do espazo, recórrese a muros de vidro.
No esforzo por conseguir un espazo que combinase «estética e funcionalidade», o grupo IHP volveu optar polos materiais de Finsa, dos que valora especialmente a súa combinación de calidade, deseño e prezo. Neste caso, empréganse dous tipos diferentes de chapa de madeira natural nos revestimentos de paredes e mobiliario.
Carla Gomes explica que apostaron polo Fibranatur Carballo mallado de tonalidade máis clara, que aplicaron na área de recepción, tanto no revestimento da parede como na creación de mobiliario personalizado: asentos, mobiliario de almacenaxe, estantes... Deste xeito, os visitantes das oficinas novas atópanse ao chegar co «carácter cálido e a calidade dun produto natural e nobre como é o carballo» antes de pasar ao interior. Ademais, utilizaron Fibracolour Negro no deseño do mobiliario, como no impoñente moble de recepción ou nos aparadores das salas de reunións, para dar un toque diferente.