O carácter cálido da madeira dálle a benvida á neve na estación de esquí de Grandvalira
Stone Design converteu este vestíbulo nun espazo cómodo de espera que combina a moqueta, o feltro e o Roble Aurora de Finsa.
O baleirado dunha montaña é o que inspirou a Stone Designs na renovación do acceso ás pistas da zona de esquí de Pas de la Casa, na estación de Grandvalira. A comodidade e a cor son agora os trazos característicos deste espazo que acolle os esquiadores, onde se sitúan os despachos de billetes para a compra de pases e a inscrición. O principio dun gran día na neve merecía un lugar coma este.
A premisa era conseguir a comodidade acústica e converter o vestíbulo da estación nun espazo operativo e á vez cálido e acolledor, que lles transmitise aos visitantes unha primeira impresión inmellorable. A combinación de moqueta, o feltro do teito e a madeira dos paneis Finsa converten este vestíbulo nun agradable espazo de espera.
Stone Designs inspirouse nas montañas que rodean o edificio. Creou unha segunda pel para o teito, que representa a orografía da área a través de cores cálidas. Para logralo empregáronse paneis acústicos feitos de poliuretano e tela que axudan a absorber o son nun lugar que se caracteriza polo tránsito continuo de persoas. O teito representa as montañas e a alfombra do chan reflicte un ceo nubrado. Unha paisaxe invertida que pretende que o usuario soñe co que hai fóra.
Para salientar o concepto sen elementos superfluos, o estudo empregou taboleiros Fimaplast de Finsa con acabado en melamina deseño Roble Aurora da nosa gama Duo para cubrir as paredes e columnas da sala. Este carballo contrasta co movemento xerado polos escritorios, inspirados na forma dos vellos esquís, aos que os números tridimensionais situados na parte superior lles confiren un aspecto retro que nos traslada a un antigo cinema.
«En Stone Designs, estamos afeitos a traballar en proxectos onde as condicións climáticas son extremas». Este proxecto é unha mostra máis de como intentan resolver as necesidades específicas dos clientes e usuarios nas súas colaboracións con estacións de esquí de todo o mundo.