Espazo Experimento: deseño para unha comunidade creativa
O espazo acolle a oficina de Plutarco, estudo que empregou Fibraplast no deseño do mobiliario que lle dá personalidade ao espazo.
Experimento é tamén o nome dunha comunidade e axencia creativa. Máis alá dos espazos de traballo colaborativo aos que estamos afeitos, o espazo Experimento naceu co obxectivo de proporcionar un escenario para o encontro de deseño, arquitectura, deseño de alimentos, tecnoloxía, cinema, moda, publicidade, branding, música, arte e medios de comunicación. «Buscamos crear un ambiente intelectual e social que, a través do intercambio de coñecementos, sexa capaz de xerar novos proxectos, movementos e accións que enriquezan a escena do deseño en Madrid», explican Enrique Ventosa e Ana Armas, fundadores de Plutarco e autores do deseño do espazo.
A cor é fundamental neste proxecto. «Utilízase para dotar a cada espazo dunha personalidade única e permítenos compartimentar un local moi alongado». As salas máis públicas atópanse preto da entrada e as máis privadas ao fondo. Ademais da área destinada aos postos de traballo, o espazo conta con tres zonas de reunión cun carácter moi persoal:
• Naked room é un espazo diáfano de paredes brancas e crúas con chan de formigón neutro, pensado para acoller eventos, talleres, presentacións e sesións de fotos.
• Red room é unha cociña totalmente equipada, cun «total look» granate, con dous panos no perímetro para sesións de fotos. Tamén se pode empregar para almorzos informais, comidas ou pequenas reunións.
•Dark Room é a sala máis especial. Totalmente pintada en azul escuro, ten unha mesa longa para 22 persoas que se pode dividir en tres. Tamén pode tornarse nun espazo completamente diáfano.
Este espazo é tamén a sede de Plutarco e, polo tanto, a súa carta de presentación. Para eles «é importante que o espazo onde se desenvolve o noso día a día teña que ver con como afrontamos os proxectos». Por iso enfocaron o deseño do espazo aplicando moitas solucións e acabados diferentes, «para que funcionase practicamente como un salón de exposición».
Fibraplast Burdeos para unha cociña «total red»
Entre todas esas solucións atópanse os taboleiros Fibraplast de Finsa, con acabado Azul nas mesas de traballo e os armarios nos postos de traballo, e con acabado Burdeos na cociña da Red room. Exposta como un «total look» nesa cor, «Finsa era dos poucos fabricantes que a ofrecían» no seu catálogo, contan. «Ademais de pola gama tan ampla de cores, decidímonos por Finsa pola confianza que proporciona unha empresa que sabiamos que funciona moi ben». Ventosa e Arana coñecían proxectos específicos da compañía, como a nosa colaboración #FinsabyEnvisions, «nos cales o material e deseño se acoplan perfectamente».
Aínda que non o pareza polo seu espectacular resultado, era a primeira vez que Plutarco se enfrontaba ao deseño dun espazo de traballo. Ante este desafío, optaron por elementos que lle desen calidez ao espazo, como a madeira no chan, por combinar unha iluminación neutra desde arriba con outra iluminación adicional á altura das mesas, e ata por «un falso patio que nos dese a sensación de estarmos fóra».