Gravatas, monos e batas nun espazo de beleza redescuberta
MARIANO Estudio reformou estas oficinas realzando dous elementos: almacéns antigos e bidóns de cartón nos que a empresa entrega o produto final.
Obra: Oficinas da empresa farmacéutica Grupo Juste.
Proxectista: MARIANO estudio.
Produto: DM vernizados imitando a cor do cartón.
Aplicación: revestimento das paredes e o teito.
Localización e ano: Madrid, 2013.
«O MELLOR DO PROXECTO? A MANEIRA NA QUE A LUZ REBOTA NOS TABOLEIROS VERNIZADOS E TINXE DE DOURADO AS OFICINAS. GRAZAS A ISO, CONSÉGUESE UNHA CALIDEZ MARABILLOSA»
MARIANO MARTÍN, MARIANO ESTUDIO.
Realzouse un lugar que pode parecer tan pouco atractivo coma un almacén xunto cun elemento característico que pasaba inadvertido: os bidóns de cartón nos que a empresa entrega o produto. Con estes dous conceptos MARIANO estudio ideou as novas oficinas da empresa farmacéutica Grupo JUSTE.
As oficinas novas tiñan que integrar todos os perfís profesionais en torno a un espazo común. Polo tanto, conviña xerar un elemento de cohesión. Atopárono no cartón. «Foi o punto de partida claro porque os bidóns dese material son moi característicos da empresa», afirma Mariano Martín, arquitecto do estudo.
A nivel técnico, ese cartón substituíuse por taboleiros de DM «que ofrece moitas máis garantías de estabilidade e duración. Ademais, ao engadir o verniz, logramos a protección adecuada fronte ao fogo», argumenta Martín.
Cal foi o resultado desta formulación? «Unha oficina de luz óptima construída cunha madeira modesta. Moito con pouco!», responde Martín. Outro dos aspectos que destacan desde o estudo é a luz.
As lámpadas proxectan un 60 % da luz cara os postos de traballo e o resto cara o teito «de maneira que, ao rebotar nos taboleiros vernizados, estes tínxense de dourado, conseguindo un espazo dunha calidez marabillosa», conclúen desde o estudo.