Chapa de madeira natural para un apartamento de aire oriental
O Roble Mallado Finsa aplicado en mobiliario e celosías combínase co chan en carballo como fío condutor deste apartamento
Presentámosvos o proxecto que gañou a segunda edición dos premios Diseño Interior da Rexión de Murcia na categoría de vivenda urbana. O xurado valorou a súa estética e o feito de que na vivenda todo está destinado a mellorar ou facilitar a vida dos seus habitantes. A vivenda ten un certo aire oriental e contén mobiliario baixo, portas corredizas, portas xaponesas, paneis de listóns de madeira…
O seu deseño é obra de Alberto García e Ana Cristina García, membros do estudo Alberto García Diseño de Interior. Partiron dunha vivenda de 110 metros cadrados que non tiña unha distribución cómoda para unha familia con dous fillos. A base do proxecto foi cambiar a súa configuración a unha máis aberta e fluída de xeito que se optimizaba o espazo, se melloraba a circulación e se incrementaba a luz natural a fin de que cada estancia se adaptase mellor ás necesidades dos seus propietarios. En paralelo á necesidade de conectar os espazos e volvelos máis prácticos, a terceira premisa que guiou o proxecto foi a de aumentar o espazo de almacenamento da vivenda.
A versatilidade da chapa de madeira natural
A confianza que teñen na nosa empresa, tanto pola calidade dos nosos produtos como polo bo trato do noso equipo comercial, foi clave para que se escolleran os materiais de Finsa neste proxecto. O feito de enviarmos mostras ao seu estudo tamén lles facilitou a toma de decisións. Alberto García xa empregou os nosos produtos noutros proxectos e incluso visitou a nosa sede central e algúns dos nosos centros de produción para coñecer de preto como se fabrican os materiais. Por exemplo, entre outros, achegouse ao posto de produción e selección da chapa de madeira natural que empregou neste proxecto.
Nesta ocasión, escolleron a chapa de madeira natural Carballo mallado «porque o seu acabado vai en sintonía co pavimento, que é o material principal e outórgalle harmonía ao interior». Este carballo natural mate exerce como fío condutor de todo o proxecto. Con el, o outro material destacado é o vidro, que se integrou de maneiras distintas en toda a vivenda: portas corredizas, pantallas dos baños, mesa de centro do comedor…
Unha das aplicacións máis singulares do noso Carballo mallado son as celosías feitas cun alistonado que se usan como solución para ocultar instalacións, como radiadores ou cadros eléctricos. «A partir de aí desenvolvémolo e repetímolo en varios lugares como unha maneira sutil de separar ambientes». Non se podía utilizar madeira maciza para este alistonado polos posibles empenamentos e recorreuse á chapa sobre taboleiro, que lle dá maior rixidez.
No dormitorio principal, pensado en forma de suite, a zona de traballo sepárase cunha celosía de madeira que crea unha ilusión óptica de opacidade en función do punto de vista desde o que a miremos. No salón tamén vemos a presenza destas liñas verticais de madeira. Outras aplicacións de Carballo mallado no proxecto son o escritorio do dormitorio dos nenos, a porta xaponesa da cociña, o panel do moble da televisión (no que se integran os piares, as vigas descolgadas e o aire acondicionado) e a librería embutida na parede oposta, que exerce de contrapunto visual.
A familia propietaria quedou satisfeita co resultado final. Ademais, o éxito deste proxecto atraeu outros ao estudo e concedeulle o galardón da Rexión de Murcia aos mellores deseños de interior. Para Alberto García, isto significou un recoñecemento ao traballo do estudo, pero tamén á profesión, e destaca a importancia destes premios para «que se coñeza mellor cal é o traballo do deseñador de interior», que vai máis alá da mera decoración.